 |
 |
investigación · I D I ·
|
 |
[11/05/2006] Mancomun.org: sé social do software libre en Galiza
Código Cero
A Web imita á vida. E viceversa. Mancomun.org, o novo portal sobre software libre que vén de promover e presentar a Consellería de Innovación, adapta para o mundo das redes o concepto de traballo colectivo levado a cabo, por exemplo, nas comunidades de montes. Neste caso non estamos a falar de explotacións gandeiras senón de ferramentas informáticas a disposición de todos e todas, pero o espírito da unión de persoas a prol dun fin común prevalece. Na posta en marcha do portal, que se inscribe dentro do programa de actividades para conmemorar o Día de Internet e o Día das Letras Galegas, a Xunta fixo fincapé nas súas esperanzas de que sirva para reducir a fenda dixital, para promover a lingua galega nas redes e para crear unha especie de sala de reunións virtual onde se dean cita os mancomunados. A fin de contas, até os usuarios da tecnoloxía máis avanzada precisan dun local ben cómodo onde reunirse. Aínda que sexa virtual. Fin da dispersión e posible punto de encontro Había certa dispersión no que se refire ás iniciativas de software libre en Galiza. É posible que si, mais tamén hai moito descoñecemento por parte da sociedade galega no que se atinxe ás vantaxes e recursos destas ferramentas. Segundo unhas investigacións presentadas por Elena Veiguela (directora xeral da Sociedade da Información) no acto de posta en marcha de Mancomun.org, a comunidade internauta galega quere saber. O portal Mancomun.org vai dirixido a cubrir ese oco de coñecemento, enchelo de contidos e de ferramentas prácticas, de noticias e (tamén) dos enderezos web e dos números de teléfono das persoas, colectivos ou empresas que elaboran programas de software libre. Dito doutro xeito: unha das principais finalidades de Mancomun.org é converterse en punto de encontro de empresas, administracións e usuarios que ofrezan produtos de open source, que os empreguen, que os consuman ou que (se é posible) os melloren. Vantaxes do software libre Pode o software libre ser especialmente vantaxoso para Galiza? En que medida? Para Elena Veiguela, servirá para “crebar no posible a réxime de servidume do país coas empresas estranxeiras a través do pago de licenzas”. Mancomun.org, ó seu xuízo, non é nin a primeira nin a derradeira das iniciativas do Goberno galego a prol da divulgación do código aberto. “Non pode selo”, comentou Fernando Blanco na presentación, “xa que sabemos que constitúe unha ferramenta poderosa para combater a fenda dixital e para promover o emprego do galego”. Tanto el como Veiguela manifestaron o seu convencemento en que na loita contra a exclusión dixital é importante a posibilidade real de descargar de balde unha serie de aplicacións. Quítase, dixeron, un obstáculo de diante. “Asemade, pode ser unha boa oportunidade para o sector do software galego, un sector no que non é preciso que operen unicamente as grandes empresas, senón tamén as medianas e tamén as pequenas”, dixo Veiguela. E proseguiu: “O software libre é de calidade, máis seguro ca outro tipo de software, onde non se pode entrar para resolver os posibles problemas ou buracos”. Asemade, tanto Veiguela como Blanco defenderon o código aberto como canle tecnolóxica que facilita a tradución ó galego de programas. O portal en si mesmo: que ten e que pode chegar a ter? Mancomun.org é, aínda, unha casa sen mobles. No acto de presentación os usuarios e os programadores de open source puideron ver a estrutura, a iluminación, a potencialidade, pero está por verse até onde se pode chegar. Os diferentes apartados onde cliquear son coma eses carteis das obras onde se ofrece unha pequena explicación as actividades a levar a cabo. Onde máis actividade se rexistra é na sección de novas. Tanto nela como nas restantes convídase ós integrantes da comunidade internauta galega a participar do espírito de “mancomunidade”. O proxecto está baseado nun modelo de traballo en colaboración, compartido, aberto, estandarizado e público. Inclúe apartados de interese como Software libre na peme, Movemento asociativo, Arquivos de novas ou Espazos colaborativos. Trata de ser fonte de información non só para os usuarios reais ou potenciais, senón tamén para as institucións e as empresas galegas, cada vez máis demandantes de ferramentas de xestión de menor custo e de idénticas ou mellores prestacións. Un dos puntos máis salientables da web é o Observatorio, que ten o fin de estudar a realidade das empresas, os concellos, os centros educativos e a sociedade en xeral, en relación ó emprego do software libre. Asemade, cómpre salientar un elemento que ten máis importancia do que pode parecer a primeira vista: as axendas de eventos e os directorios de recursos, que constitúen o que se podería chamar “unha guía galega do código aberto”. No portal atopamos a fonda pegada das universidades galegas, do Cesga (Centro de Supercomputación de Galicia) e dos usuarios e asociacións de software libre do país, que segundo Fernando Blanco “foron os pioneiros no emprego e divulgación destas ferramentas”. O 17 de maio, tradución do Open Office e corrector gramatical Elena Veiguela anunciou, tamén, unha serie de actividades estreitamente vencelladas á posta en marcha de Mancomun.org. Algunhas delas coinciden (e non é casualidade que así sexa) coa tripla festividade do 17 de maio (Día das Letras Galegas, Día de Internet e Dia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información). Esa xornada tan completa foi a elixida para liberar a versión 2.0 de Open Office, o programa de aplicacións de oficina creado a partir do StarOffice de Sun e licenciado como código aberto. Asemade, presentarase o corrector gramatical en galego para a dita suite ofimática, que até o de agora non existía na nosa lingua. Cómpre sinalar que a distribución gratuíta de CDs con estes programas por parte da Consellería de Innovación está prevista para a véspera da festividade, o día 16.
|
|
|